INSCRÍBETE XA NO #voluntariadoFETEGA 2021

 

Carta do director ao #voluntariadoFETEGA.

Ola, familia FETEGA!

Temos o Festival á volta da esquina. Este ano, ademais, cun novo reto: sacar o mellor festival con menos apoio económico. Pero, confésovos algo: non dubidei nin un segundo en sacar adiante a XXXII Edición do Festival do Teatro Galego a partir do 5 de setembro, voltando ás datas tradicionais.

Non dubidei porque sei que contamos coa mellor familia de #voluntariadoFETEGA posible.

Ano tras ano vivimos unha experiencia única a nivel persoal. Sei que desfrutades o mundo teatro desde dentro. E nós sentímonos arroupados pola mellor calidade humana.

Diríxome tamén ás persoas que estean pensando en escoller un voluntariado este ano.

Cando vos inscribides como voluntarios estades a obter e desenvolver:

FORMACIÓN PRÁCTICA E TEÓRICA sobre teatro e a organización de eventos. Ao remate do festival recibes un certificado do FETEGA que garante ter superado tanto a parte teórica coma as diferentes actividades propostas.

EXPERIENCIA, posto que formas parte da familia FETEGA que desenvolve as tarefas e actividades necesarias para sacar adiante o reto dunha nova edición do Festival do Teatro Galego “Celso Parada”. Somos un equipo cunha ampla experiencia en varias disciplinas e estarás en contacto coa profesión das artes escénicas: non somos só teorías. Somos práctica, vivencia. Vas a convivir coa montaxe dos espectáculos desde dentro, estarás preto das actrices e actores, das técnicas e técnicos artistas.

SOLIDARIEDADE, xa que como persoas voluntarias investides o voso tempo, coñecementos e habilidades na cultura, nas demais persoas. O voso desinterese reflíctese nunha mellor sociedade e sodes exemplo para os que vos rodean. Vos crecedes máis persoalmente e sentiredes que vos realizades.

NETWORKING, unha rede de contactos que che sirva de cara o futuro. Teredes experiencia, teoría, destreza, pero nun mundo competitivo coma o noso xa non abonda. Cando formas parte do FETEGA tes a oportunidade de ampliar eses contactos ao coñecer compañeiras e compañeiros no voluntariado coma ti, actrices, actores, persoal da organización, técnicas e técnicos artistas especialistas, colaboradores, patrocinadores, autoridades e sobre todo, a amadores e amantes das artes escénicas.

TRABALLO EN EQUIPO é a clave e aprenderás a desenvolver esta aptitude que non se ensina de mellor xeito que na práctica. No futuro seguro comprobarás que é un elemento clave nas organizacións.

CURRÍCULUM, dado que poderás incluír a experiencia certificada de voluntariado, pero tamén no apartado de habilidades e competencias as túas destrezas á hora de organizar un evento das características do FETEGA.
E podería enumerar outras varias vantaxes de formar parte da familia FETEGA.

Persoalmente, como director da XXXII Festival do Teatro Galego “Celso Parada”, douche a benvida, agradezo o teu voluntariado e sobre todo recoñezo que convosco será posible unha edición máis. Por iso, non nos dan medo os retos.

Déixovos a continuación o formulario para inscribirvos no #voluntariadoFETEGA

Sempre voso,

Carlos Ledo
Director do Festival do Teatro Galego “Celso Parada”

 

 

Leave a Reply