Centro Dramático Galego

SINOPSE:

Fantasiamos coa imaxe dun edificio de vinte alturas que se derruba por mor dunha carga de explosivos. Sabemos das nosas forzas e estas mans apenas conseguen pregarse forte nun puño pechado. Agora estas e estes que nós somos non conseguimos abater torres, pero si ser o po que testemuña o derrubamento.

Tamén podemos bailar; parece sinxelo, pero nin a todos os corpos lles é permitido. Podemos falar de amor. Un día dixéronnos que non era serio falar de amor, que tiñamos que falar de cousas máis importantes. Igual agora é o momento.

Armar un plan. Bailar un plan.

TRAXECTORIA:

O Centro Dramático Galego (CDG) púxose en marcha no 1984 pola Xunta de Galicia, apenas un ano antes que o Festival do Teatro Galego (coa primeira nomenclatura que tivo, a de Xornadas do Teatro Galego), nuns tempos en que todo era incipiente no teatro galego. Dende entón van case 100 producións nas que ten como obxectivo normalizar e regular a actividade teatral galega.
Vinculado desde o ano 2008 á Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), é a imaxe do teatro institucional da Xunta e procura unha programación complementaria e harmónica respecto do resto da escena galega.
Nos seus fundamentos está a mestura de recuperación dos autores galegos tradicionais e a incorporación á escena galega de dramaturgos universais. O seu funcionamento implica a proposta dun espectáculo a un director escénico convidado e o concurso dun elenco artístico e técnico artístico, aportando á súa vez o seu equipo técnico e a súa casa, o Salón Teatro de Santiago. Desde 1999 o CDG está vinculado a este espazo compostelán e presentan estas propostas por tempada. Deste xeito, non é doado ver ao CDG fóra da súa casa.
Pero isto non era así nos seus inicios. De feito, non é a primeira vez que o CDG trae un espectáculo inaugural ao Carballiño. Fíxoo así no ano 1987 coa proposta de As Tres Irmás (de Antón Chejov) dirixida por Xosé Manuel Rabón. E fíxoo tamén no 1989 , no que o tándem de Roberto Vidal Bolaño e John Eastham presentaron no noso Festival a Salomé (de Óscar Wilde).
Agora, no 2021, volven ao Carballiño, ao Festival do Teatro Galego con Serva me, servabo te, peza de Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez quen xunto con Laura Iturralde conforman a compañía Pálido Domingo.

22:00 h
Principal
Auditorio Municipal Manuel María
10:00 pm
Principal
Plan Prezo Comprar
Entrada para 1 espectáculo

50% de aforo

8,00 € Comprar entrada
Pack 3 días

50% de aforo

21,00 € Comprar entrada
Pack teatro + monólogos + gala

50% de aforo

30,00 € Comprar entrada