Cheo total nos obradoiros do Festival do Teatro Galego

Rematan hoxe venres e forman parte da programación previa da 31ª edición, que se celebrará no Carballiño do martes 23 ao sábado 26 de setembro. Forman parte das actividades paralelas do programa e están orientadas a profesionais, amadores e espectadores que desexen vivir a experiencia de coñecer o mundo do teatro desde dentro.

O Festival do teatro galego encheu todas as prazas dispoñibles nos dous obradoiros celebrados este mes de agosto que inician a programación desta edición. Un deles estase a desenvolver a través de internet na sala virtual, e outro físico, no Auditorio Municipal do Carballiño.

En palabras de Carlos Ledo, o novo director do FETEGA: “É unha moi boa noticia nestes tempos de Covid, a xente ten gana de teatro e de aprender, e a pandemia non está a ser impedimento, tomamos todas as medidas nas actividades que se desenvolven de xeito presencial”.

O obradoiro online “Traspasar os lindes con / desde / sobre / o desexo” impartido por Avelina Pérez, cun límite de 12 PRAZAS e un importe de 50 euros, celébrase durante tres venres, 21 e 28 de agosto, e o último dos cales acórdase entre os participantes. Os encontros teñen unha duración de dúas horas e media. Sinopse: tendo en conta o CONTEXTO ACTUAL, non se prescinde da conexión co mesmo, ampliando as potencialidades persoais que esta época de incerteza trae consigo e que permiten achegarnos á expresión desde outros puntos. A metodoloxía do obradoiro buscará non evadirse do contexto senón utilizalo.

Partindo da consideración da escena como espazo sen cancelas, o obradoiro irá encamiñado á investigación persoal e grupal que xere motores escénicos desde a palabra. Superando o prexuízo da necesidade de inspiración á hora de afrontar o proceso de escrita, explora as posibilidades que a palabra nos ofrece mediante a elaboración de textos propios e colectivos que resulten
motores do feito teatral. Iremos á procura dunha escrita que se afaste do lugar seguro, que contemple os conceptos de ferida e risco; en definitiva: a procura dunha escrita propia.
O desexo éo eixo arredor do que xirarán as sesións. O desexo como motor da propia escrita. O DESEXO como áncora á que se amarran as palabras. Desde aí, as portas abertas.

O obradoiro presencial ADESTRAMENTO ACTORAL SOBRE O INSTINTO, O MENTAL E O EMOCIONAL, impartido por Fernando Tato, tamén cun tope de 12 prazas cunha matrícula de 50 euros e catro máis como oínte con matrícula de 30 euros, celebrouse onte mércores e hoxe xoves 27 de agosto. En total foron 16 horas de aprendizaxe continua.

O taller desenvólvese en dúas sesións intensivas de traballo (8 horas por sesión). Cada curso constará de dúas partes e en ambas as dúas a utilización da música é un elemento esencial. A primeira parte é de adestramento actoral e a segunda de traballo con texto e escenas. Trabállase a técnica actoral necesaria para ser autónoma e autónomo e poder crear e defender unha personaxe adaptándose ás esixencias reais do traballo de actor (falta de tempo na rodaxe, ausencia de ensaios etc…) Exercicios prácticos, traballo
físico e vogal, monólogos, escenas… O adestramento actoral é un proceso que se desenvolve en catro fases: estiramento activo, círculo de movemento, exercicios de relación e de personaxe, exercicio da “cadeira” ou co “chequeo por parellas”. O traballo con texto e escenas desenvólvese nos seguintes pasos:

Análise de texto e división da escena ou secuencia en unidades de acción, aplicación dos exercicios de relación, personaxe, circunstancias etc… na escena, Aplicación dos exercicios de relación, personaxe, circunstancias etc… con relación ao grupo, substitución do texto e o traballo en escena de xeito grupal.

Aberto o prazo para inscribirse como voluntario/a. Ata o 6 de setembro.

Dereito a aloxamento e comidas. Un ano máis, as persoas que o desexen poderán formar parte da organización. Terán a oportunidade de desfrutar de novas experiencias nun contorno agradable, e vivir o festival desde unha perspectiva diferente, coñecer aos nosos actores, actrices e compañías de teatro. O prazo para inscribirse, a través do formulario que se atopa nas redes sociais do evento, remata o domingo 6 de setembro

Leave a Reply